RIBEIRA> Os usuarios de AMBAR tiveron ocasión de explorar a diversidade dos fondos mariños a través dunha experiencia inmersiva promovida pola Deputación da Coruña. Trátase do obradoiro ‘Mergullando sen nos mollar’ desenvolvido pola cooperativa ’13 Grados’.
O de AMBAR é un dos 10 centros de persoas con diversidade funcional da provincia da Coruña que acolle o obradoiro ‘Mergullando sen nos mollar’ unha experiencia inmersiva que promove a Deputación para dar a coñecer a riqueza do medio mariño a través de realidade virtual. A deputada provincial de Medio Ambiente, Rosa Ana García, tivo ocasión de acompañar ós usuarios de AMBAR que hoxe participaron nesta iniciativa da man das técnicas da cooperativa ’13 Grados’.
Dende AMBAR quixeron agradecer á responsable provincial o feito de ter contado co entidade barbanzá para desenvolver esta iniciativa tan ben acollida polos usuarios.
Este programa que xa se iniciou en colexios de educación primaria e agora está a recalar en diversas entidades sociais ten por obxectivo ofrecer unha visión do medio mariño moi particular, mediante imaxes en 360 graos e cun formato accesible e adaptado ás necesidades de cada grupo.











