RIBEIRA> En Ribeira, o concello e as forzas da orde seguen a traballar conxuntamente para garantir a seguridade veciñal tralos últimos episodios delitivos rexistrados no municipio. A alcaldesa, María Sampedro, mantivo un encontro coa policía local que reforzará a vixilancia naqueles puntos máis conflitivos.
Á espera de celebrar a xunta local de seguridade, prevista para o próximo 19 de febreiro, o concello de Ribeira xa está a tomar medidas para favorecer a seguridade cidadá ante o elevado número de roubos e incidentes que se veñen rexistrando nas últimas semanas. Ademais de reforzar a presenza das patrullas da policía local nas rúas, o concello traballa xa na instalación de cámaras de videovixilancia.
Así mesmo, a alcaldesa xa remitiu un escrito á Subdelegación do Goberno solicitando un reforzo policial de cara a este entroido, no que se prevé unha gran afluencia de xente, especialmente nas noites do sábado e do luns.
Ademais deste reforzo puntual, dende o concello volverán solicitar a ampliación do catálogo de policías na Comisaría de Ribeira, tal e como lle teñen trasladado tamén os responsables do Sindicato Unificado de Policía, na xuntanza que veñen de manter.











