RIANXO> Os concellos de Rianxo e Boiro traballan de xeito conxunto nun proxecto que posibilitará a construción dun centro de acollida de animais abandonados.
O recinto, que estará emprazado no lugar de Triñáns, na parroquia boirense de Abanqueiro, virá a dar resposta a unha necesidade de ambos municipios, que na actualidade teñen externalizado este servizo.
A xestión conxunta do centro, permitiralle optimizar esta prestación, ó tempo que abaratarían custes.
Os dous concellos atópanse actualmente no proceso de busca de financiamento para levar a cabo este proxecto.
Trátase da nova liña de colaboración que manteñen dende hai algún tempo estes dous municipios, en clara sintonía tamén co traballo que desenvolven a través da Mancomunidade Barbanza Arousa.











