A saúde como centro na planificación das cidades: a nova proposta do Eixo Atlántico

PONTEVEDRA> Un informe sobre a planificación do espazo público urbano que é todo un manifesto pola calidade de vida. É o documento que hoxe presentou en Pontevedra o Eixo Atlántico. O estudo é tamén unha análise técnica que sitúa a Pontevedra como exemplo a seguir, avogando por un cambio de mentalidade nos modelos urbanos e destacando o seu impacto na saúde.

En Pontevedra, o Eixo Atlántico presentou esta mañá o seu informe ‘Planificación do espazo público urbano’. Un documento que analiza a situación das cidades que o compoñen e que aposta pola calidade de vida como base para a planificación urbanística.

O documento plantexa a necesidade dun cambio cultural no urbanismo. Propón que a saúde das persoas e dos ecosistemas sexa base na planificación, apostando, por exemplo, por incorporar a cultura do calor no deseño das cidades.

O estudo destaca tamén que nas cidades do Eixo Atlántico o 52% da poboación vive a menos de cinco minutos dun espazo público aberto de barrio. Tamén recolle boas prácticas, como os corredores ecolóxicos da Coruña ou as zonas de baixas emisións de Pontevedra.

Como exemplo da necesidade de planificación das cidades, púxose sobre a mesa o futuro da vivenda. Dende o Eixo reclaman que a necesidade que existe non leve a unha construción indiscriminada.

O informe, pensado como folla de ruta para as poboacións da eurorrexión, presentarase mañá na cidade portuguesa de Guimarães.