Seguen os roubos en Ribeira

RIBEIRA> Esta panadería situada na rúa Rosalía de Castro, en pleno centro urbano, a escasos metros do Concello, foi un dos últimos establecementos que sufriron os ataques dos amigos do alleo.

Foron as propias empregadas do negocio as que deron a voz de alarma ó chegar a primeiras horas da mañá ó local para a súa apertura e descubriron que un dos vidros da cristaleira estaba esnaquizado.

Nesta ocasión os ladróns non foron quen de entrar, aínda que os danos ocasionados si foron cuantiosos.

Por desgraza este tipo de sucesos estase a converter en algo frecuente en Ribeira. E unha situación que preocupa tanto a veciños coma comerciantes, que reclaman unha maior presenza policial nas rúas.

Nas últimas horas a Policía Nacional detivo a un dos principais sospeitosos desta vaga de roubos.

A el atribúenselle furtos en vehículos rexistrados nas últimas semanas tanto na vía pública coma en garaxes.

Para a súa detención os axentes da Policía Nacional botaron man das cámaras de vixilancia de varios negocios e edificios que lograron gravar a este individuo na zona na que se cometeron os roubos.

Trátase ó parecer dun vello coñecido das forzas da orde ó que lle constan numerosas detencións anteriores por causas similares.