O BNG de Ribeira pide a paralización da reforma do Malecón

RIBEIRA> O BNG de Ribeira presentou unha moción urxente solicitando a paralización da reforma do Malecón. Demandan ó goberno que consensúe a obra cos afectados e que priorice a realización de infraestruturas para o estacionamento e transporte público. Dous meses despois do inicio da reforma do Malecón, o BNG denuncia que se están a cumprir os seus peores presaxios. O caos circulatorio e a falla de espazos para o estacionamento, din, está a xerar o malestar da cidadanía e dos hostaleiros da zona que non foron informados do desenvolvemento das obras. Ante esta falla de consenso, os nacionalistas piden que se paralice a reforma á espera de chegar a un acordo con empresarios, veciños e grupos da oposición co fin de mellorar o proxecto. Entenden que, antes de acometer as obras, debería terse posto en marcha un plan de transporte público, así como habilitar aparcadoiros e vías altrnativas para a circunvalación do casco. Por todas estas razóns, presentaron unha moción pola vía de urxencia para o seu debate no próximo pleno.