VILAGARCÍA> A Deputación destaca a súa aposta en investimentos en Vilagarcía con dous proxectos que obtiveron 120.000 € de recursos provinciais. Trátase da ampliación da rede de abastecemento e saneamento en Muíños de Cea, financida con fondos do +Provincia, e a instalación dunha nova pista desmontable en Fexdega, cunha achega do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Este xoves visitou esas dúas actuacións o deputado Javier Tourís xunto con membros do goberno local.
A Deputación de Pontevedra pon en valor a súa aposta por investimentos ‘municipalistas’ en Vilagarcía. Para mostra, dous proxectos que acaban de recepcionar no municipio. Por unha banda, a ampliación da rede de abastecemento e saneamento na rúa Muíños de Cea, no lugar de Carballido.
Neste caso, para este proxecto o organismo provincial aprobou 92.000 € con cargo á liña de investimentos do Plan +Provincia.
Por outra banda, tamén con fondos provinciais dotouse a Fexdega dunha nova pista desmontable de PVC, a quinta coa que conta este recinto. Un equipamento que permite incrementar a capacidade do pavillón e mellorar a eficiencia na programación de actividades.
O concello de Vilagarcía recibiu 25.000 euros para esta pista, no marco da segunda convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Tourís aproveitou para lembrar que Vilagarcía recibe máis de 2,6 millóns de euros a través do Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación, con máis de 1,5 millóns correspondentes á anualidade 2026 e o adianto de máis dun millón de euros da liña 1 de investimentos de 2027. Ademais, o Concello tamén se beneficia de 312.000 € no marco do terceiro plan de infraestruturas deportivas, cos que fará fronte a cinco actuacións.











