A praia de Canelas estrea pasarela elevada de madeira para facilitar o acceso e respectar a zona dunar

SANXENXO> A praia de Canelas, en Sanxenxo, estrea acceso renovado. O concello instalou unha nova pasarela elevada de madeira, máis respectuosa coa zona de dunas do areal. Tamén se colocou un novo alumeado con tiras LED. A intervención precisou dun investimento de máis de 30.000 euros dons que a Xunta achegou 24.000.

Unha nova pasarela elevada de madeira facilita o acceso á praia de Canelas, en Sanxenxo. O concello xa rematou os traballos de instalación deste elemento, que mellora a accesibilidade ao areal e é máis respectuoso co espazo dunar.

Ademais, desta pasarela, dunha lonxitude de 50 metros, a intervención supuxo tamén a instalación dun novo alumeado con tiras LED ancoradas a postes de 50 centímetros de alto. O orzamento total superou os 31.000 euros, dos que a Xunta achegou 24.000 no marco do Fondo de Compensación Ambiental.

Sanxenxo foi un dos 14 concellos da provincia de Pontevedra que se beneficiaron das achegas deste Fondo de Compensación Ambiental, que busca distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna. Así repartíronse 450.000 euros entre os municipios pontevedreses.