Sanxenxo abre unha céntrica nova rúa con 60 prazas de parking e a previsión de ducias de novas vivendas

 

SANXENXO> Xa está aberta ao tráfico en Sanxenxo a nova vía que une as rúas Progreso e Sanxenxo. Trátase dunha rúa que aínda non ten nome, que suporá un alivio para o tráfico nos meses de verán. Conta con 60 prazas de estacionamento. A creación desta vía e das zonas verdes anexas forman parte do proxecto de desenvolvemento urbanístico desta zona, é dicir, foi executada polas construtoras que, no futuro, farán edificios nas parcelas desas rúas.

Estes son os primeiros coches que esta mañá tiveron a sorte de estrear o novo vial que une a rúa Progreso coa rúa Sanxenxo. Trátase dunha nova rúa aínda sen bautizar que axudará a aliviar o alto volume de tráfico da zona, en especial, nos meses de verán.

A reforma da zona supuxo a creación dunha zona verde de 1800 metros cadrados. Tamén se habilitaron 60 prazas de estacionamento, algo que os condutores van agradecer, tendo en conta que ata hai pouco esta era unha parcela que se usaba como parking disuasorio.

A actuación foi feita seguindo a estética da rúa Progreso. Un desenvolvemento urbanístico privado que non supuxo gasto para o concello, que agora -como vía aberta ao público- pasa a asumir o seu mantemento.

No futuro, aquí construiranse bloques de vivendas. Polo de agora, informan dende o concello, xa hai unha licenza solicitada, aínda sen conceder.