E se o bagazo e os restos de poda puidesen empergarse na farmacéutica ou para cosmética?

RIBADUMIA> O aproveitamento de subprodutos da industria vitivinícola e a xestión sostible dos solos nos viñedos centraron hoxe unha xornada impulsada pola Mancomunidade do Salnés en Ribadumia. O proxecto pretende reducir o impacto do sector no medio ambiente, botando man dos residuos vexetais para a propia compostaxe dos viñedos. Pero a investigación vai máis alá, buscando a súa aplicación noutros sectores como farmacéutica ou cosmética.

Financiado con Fondos Europeos, o proxecto Soil&Wine Residues busca implementar en tres rexións vitivinícolas de Europa medidas para o fomento da sostibilidade no sector. O Salnés, xunto co sur de Portugal e Francia, é unha desas zonas seleccionadas.

Con ese obxectivo, o estudo busca unha xestión máis respectuosa dos solos nos viñedos, así como o aproveitamento dos distintos subprodutos que xera a industria, como o bagazo, o raspón e os restos da poda.

Nas tres zonas do estudo, trátase dun aproveitamento incipiente. Precisamente, o estudo busca levar á práctica as súas investigacións para a súa expansión.

Esta xornada, celebrada no Auditorio de Ribadumia, está impulsada pola Mancomunidade do Salnés, xa que o organismo forma parte do proxecto europeo Interreg Sudoe. Buscan novas oportunidades para o sector.

E botan man dunha boa práctica que a Mancomunidade ten implantada dende hai anos: a xestión dos residuos orgánicos domésticos, que se pode agora extrapolar ao sector do viño.

Á xornada de hoxe, ademais de público en xeral, estaban chamados profesionais do sector, que tiveron ocasión de participar nunha enquisa. A información incorporarase agora á investigación, para seguir avanzando no estudo. Agárdase que o proxecto rematará a mediados de 2028, para cando pretenden ter creado un sistema comercailizable ao alcance do sector.