Portas converte a súa antiga Casa Consistorial nun centro polivalente baixo o nome de Concepción Pérez

PORTAS> Portas dálle unha nova vida á antiga Casa Consistorial. O edificio acaba de ser remodelado, mellorando as súas prestacións para destinalo a usos veciñais. O espazo leva o nome de Concepción Pérez Iglesias. A inuaguración serviu tamén para renderlle homenaxe á que foi a primeira alcaldesa de Portas e de Galicia.

Esta é a nova imaxe que ofrece a antiga Casa Consistorial de Portas. O inmoble foi obxecto dunha fonda reforma para darlle unha segunda vida, converténdoo nun lugar máis funcional para o uso veciñal. Na reforma investíronse 231.000 euros, financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra.

A intervención centrouse na rehabilitación deste antigo inmoble para convertelo nun edificio eficiente no ámbito enerxético, cunha nova cuberta, novas portas e ventás e con calefacción e ventilación para afrontar as temperaturas baixas ou as altas.

Coa inauguración da antiga Casa Consistorial de Portas rendeuse homenaxe a unha figura histórico para o Concello e o municipalismo de Galicia. O inmoble leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, coñecida como Dona Concha, a primeira alcaldesa da historia de Portas e de Galicia.

Logo desta reforma, o edificio convértese nun Centro Polivalente, que acollerá actividades sociais, culturais e comunitarias.