PONTEVEDRA> A Xunta anuncia a construción de alomenos 63 novas vivendas de promoción pública en Pontevedra. Desta volta, a administración autonómica mira cara a avenida de Uruguai. Aquí, o goberno galego é cotitular xunto co Estado dunha parcela que actualmente acolle o Parque de Maquinaria da Axencia Galega de Infraestruturas. Segundo avanzou a conselleira María Martínez, xa se solicitou ao executivo central a cesión total da parcela para poder ampliar o número de vivendas proxectadas.
A Xunta anuncia máis construción de vivenda pública en Pontevedra. O goberno autonómico puxo o foco nunha parcela da Avenida de Urugai, da que a administración galega e o Ministerio de Transportes son cotitulares. Actualmente acolle o parque de maquinaria da Axencia Galega de Infraestruturas.
Segundo Martínez Allegue, xa se realizou o levantamento topográfico e se segregarían tres parcelas: a da Xunta, a do Estado e unha que se cedería ao concello de Pontevedra.
Os plans iniciais da Xunta contemplan a construción de, como mínimo, 63 novas vivendas de promoción pública.
A segunda parada da conselleira hoxe na cidade foi o barrio de Valdecorvos. Aí iniciáronse as obras da que será a primeira promoción de vivenda pública executada na comunidade por VIPUGAL, a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
O prazo de execución previsto é de 18 meses, polo que estas novas vivendas serán unha realidade no 2027.











