A Ultreia, a camiñada que une Tui e Pontevedra polo Camiño, celebrarase o 12 de abril

PONTEVEDRA> O vindeiro 12 de abril celebrarase unha nova edición da Ultreia, a proba que une Tui e Pontevedra a través do Camiño de Santiago. O trazado completo acada os 52 quilómetros pero a organización mantén as súas catro marchas dentro do percorrido. As inscricións para participar nesta oitava edición continuarán abertas ata o 1 de abril.

Aínda falta tempo para o 12 de abril pero a Ultreia xa ten a maquinaria en marcha para que ese día estea todo listo para que a oitava edición da proba sexa un éxito.

O trazado mantense, con 52 quilómetros entre Tui e Pontevedra que transcorren polo Camiño de Santiago. A organización repite tamén a posibilidade de dividir o percorrido, completando así catro distancias diferentes. Poden escoller o curto, ata O Porriño; o medio ata Redondela, o longo ata Arcade ou o Ultreia, que levará aos participantes ata Pontevedra.

O circuíto ofrece trazados para todos os gustos. Dende partes chás, como o traxecto de Tui a Porriño, a outras que supoñen un reto para os participantes. É o caso, por exemplo, da subida ao Viso e a da Canicouva.

As inscricións estarán abertas ata o 1 de abril na web cronotec.es. Os participantes teñen dereito ao traslado dende Pontevedra, Redondela e O Porriño ata a saída, a unha camiseta técnica, mochila conmemorativa, avituallamento de sólidos e líquidos en diferentes puntos do trazado así como servizo de duchas e de fisioterapia en chegada e seguros.