Pontevedra e RAG buscan a complicidade de colexios e familias para frear a ‘desgaleguización’ da rapazada

PONTEVEDRA> A Real Academia Galega alerta da perda de galegofalantes en todo o territorio. Algo que é especialmente preocupante en Pontevedra. Para reverter esta tendencia, academia e concello veñen de asinar un acordo para abordar esta situación na infancia e na mocidade. Coa colaboración dos centros educativos elaborarán un mapa sociolingüístico para coñecer a situación real. Despois, poranse en marcha actividades para estimular á rapazada a usar o galego fóra das aulas.

Frear a desgaleguización en Pontevedra é o obxectivo do acordo que hoxe asinaron o concello e a Real Academia Galega. Unha tarefa para a que poñen o foco na infancia e a mocidade.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística do 2023, Pontevedra é unha das cidades galegas con menor presenza do idioma. Algo que preocupa no concello.

Con este acordo, concello e academia colaborarán para implantar o programa ‘Modo Galego Activo’. O primeiro paso será a creación dun mapa sociolingüístico escolar. Precisan contar coa implicación dos centros educativos que se poden inscribir de xeito voluntario.

Xa na seguinte fase, a da posta en marcha do programa, será necesaria a colaboración activa do profesorado, de todo o persoal dos centros e tamén das familias. O obxectivo: levar o uso do galego máis aló das aulas.

Durante todo o programa, os centros contarán co apoio, asesoramento e material ofrecido pola Real Academia Galega. ‘Modo Galego Activo’ xa está en marcha noutros concellos, como o de Ames, nos que os resultados están a ser moi positivos.

Segundo o calendario previsto, no 2027 estará elaborado un informe xeral sobre o mapa sociolingüístico de Pontevedra, con documentos concretos sobre cada un dos centros participantes. As accións do programa comezarían a aplicarse no seguinte curso.