RIBEIRA> O delegado territorial da Xunta e a xerente da área sanitaria Santiago-Barbanza visitaron esta mañá o complexo hospitalario para coñecer o funcionamento deste equipamento no que se investiron máis de 90 mil euros.
O hospital da Barbanza vén de incorporar un novo equipo radiocirúrxico. O novo equipamento presentado esta mañá supuxo un investimento superior ós 90 mil euros.
Segundo explicou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, permitirá renovar o equipamento existente no bloque cirúrxico para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia ou traumatoloxía, entre outras.
A xerente da área sanitaria Santiago-Barbanza, Eloína Núñez, destacou que a este equipo radiocirúrxico virá a sumarse en breve un novo ecógrafo para o servizo de radiodiagnóstico que ten un custe aproximado de máis de 116.000 euros.
Durante a visita, tanto o delegado da Xunta como a xerente da área sanitaria Santiago-Barbanza fixeron alusión ós investimentos realizados pola Xunta neste complexo hospitalario nos últimos anos ós que se sumarán tamén outros 600 mil contemplados nos orzamentos da Administración Autonómica para o ano que vén para a obra da nova unidade de endoscopias e para a licitación do proxecto de ampliación da área de hospitalización.
Na visita ó hospital tamén tomou parte o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, que se referiu tamén a outro dos proxectos previstos no municipio como é a construción do novo centro de saúde.
Os técnicos municipais traballan agora na busca da mellor opción para poder emprazalo, barallándose varias posibilidades.
O rexedor agarda poder tomar xa unha decisión definitiva en breve, para que a obra sexa unha realidade canto antes.