VILAGARCÍA> As confrarías da ría de Arousa piden a declaración de zona catastrófica ante a elevada mortaldade que está a sufrir o marisco. Os pósitos alertan da situación extrema na que se atopa o sector. Mesmo que esta crise mesmo pode levar ao peche de algunhas das confrarías da ría, á perda dos permex ou ao abandono da actividade marisqueira. Piden medidas estruturais, como a regulación do baleirado dos encoros ou un plan para a rexeneración. Ademais, demandan axudas directas a confrarías e a mariscadores. Tenden a man á administración central e galega na procura de solucións que salven o sector.
A crise de mortaldadade de marisco que está a sufrir Arousa pola sucesión de borrascas e a baixada da salinidade leva ás confrarías da ría a pedir a declaración de zona catastrófica.
Petición que lanzaba hoxe todo o sector unido. Piden que estas medidas se tomen por decreto de urxencia dos gobernos galego e central. Sector marisqueiro, pero tamén o bateeiro -cunha mortaldade que rolda xa o 25%- falan dunha situación límite.
Unha crise, advirten, que pode levar incluso ao peche de confrarías. Nunha situación máis delicada estarían Vilanova, Cabo de Cruz ou A Pobra, que entrará este mes en concurso de acredores.
Ademais dunha resposta económica urxente, piden medidas estruturais para reducir o impacto da contaminación na ría, lembrando que as augas interiores tardan agora un 240% mais en renovarse. Tenden a man a todas as administracións para aportar solucións para a rexenaración da ría.
E demandan unha vez máis que se regule o baleirado dos encoros porque lembran que a redución brusca da salinidade está sendo letal para o marisco.
As confrarías fixeron xa nas últimas semanas distintas mostraxes nas súas zonas, cunha mortaldade que consideran “moi elevada”. Pero piden celeridade á Xunta nas análises que se están a facer na ría para poden cuantificar con datos a magnitude desta crise.











