VILAGARCIA> O BNG levou xa ao Parlamento Galego as súas propostas para paliar a crise da mortaldade do marisco na ría de Arousa. Ademais de axudas inmediatas para o sector, os nacionalistas piden medidas estruturais. Entre elas, estudos que determinen as causas da perda da produtividade, como o cambio climático ou a contaminación; e unha norma que regule o baleirado dos encoros. Este luns, os nacionalistas mantiveron unha xuntanza con representantes da confraría de Carril.
Xuntanza entre o BNG e a Confraría de Carril para analizar a situación da ría de Arousa logo das treboadas. Coa crise de mortaldade poñendo contra as cordas o sector, os nacionalistas reclámanlle á Xunta actuar en dous planos, no inmediato e a longo prazo. O máis urxente, medidas económicas de apoio a confrarías e traballadores.
E a longo prazo, medidas de carácter estrutural. O primeiro, estudos para analizar as causas da perda de produtividade das rías galegas. Din que hai que cuantificar canto e como afectan o cambio climático e a contaminación aos recursos marisqueiros.
Reclaman unha vez máis un protocolo para o baleirado dos encoros para evitar a perda drástica da salinidade. Tamén unha aposta polas sementeiras públicas ou público-privadas.
Dende a confraría de Carril, lembrando a súa singularidade ao contar co 98% dos parques de cultivo de España, din que non queren axudas, pero si que as administracións públicas se entendan e toman medidas.
O patrón apunta ademais que no Carril, hai zonas co 100% da produción perdida, mentres que noutros parques a afectación rolda o 20.
Explica que os parquistas están xa a traballadar na recuperación dos viveiros, co problema agora da falta de semente para abastecer toda a demenda.











