700 sinaturas de comerciantes e hostaleiros para reclamar o adianto do alumeado de Nadal

PONTEVEDRA> O comercio pontevedrés non se resigna a aceptar que as luces do Nadal non se prendan ata o vindeiro 16 de decembro. Hoxe entregaron ao redor de 700 sinaturas, recollidas só entre comerciantes e hostaleiros da cidade. Queren amosar o seu descontento coa decisión do concello de Pontevedra que, aseguran, repercutirá de xeito moi negativo na campaña de vendas do Nadal.

700 sinaturas para reclamar que se adiante o encendido do alumeado de Nadal. O comercio e a hostalería de Pontevedra mobilízanse para que non haxa que agardar ata o 16 de decembro para ver a cidade decorada.

O obxectivo da iniciativa é amosar o seu descontento coa decisión do Concello de Pontevedra aínda que son conscientes de que este ano será difícil mudar esta postura.

De xeito paralelo a esta recollida de sinaturas, este domingo naceu nas redes sociais o movemento Ilumina Pontevedra. Con esta campaña, comerciantes e hostaleiros queren buscar a complicidade dos pontevedreses para alumear a cidade a partires do día 5 de decembro.

Hoxe entregaron as sinaturas no rexistro do concello de Pontevedra. Mentres agardaban tiveron incluso a oportunidade de trasladar a súa demanda directamente ao alcalde da cidade, que pasaba nese momento por diante do edificio de Michelena 30. Miguel Anxo Fernández Lores trasladoulles que este ano sería difícil mudar o plan actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí