Abel Losada cualifica de ‘gamberrada’ o anuncio da Xunta de construír vivenda pública no parque de maquinaria

PONTEVEDRA> O Goberno do Estado non cederá á Xunta de Galicia a súa parcela do Parque de Maquinaria da Avenida de Uruguay, en Pontevedra, para construír vivenda pública. A semana pasada a Conselleira de Vivenda anunciara este proxecto, explicando que os executivos central e autonómico son copropietarios destes terreos. Pero mentres Martínez Allegue aseguraba que a Xunta é titular do 75%, hoxe o subdelegado do Goberno dixo que o é dun 37%. Por iso, Abel Losada cualificou o anuncio de ‘okupación’.

Para o Subdelegado do Goberno o anuncio feito a semana pasada pola Conselleira de Vivenda sobre o proxecto da Xunta de construír máis vivendas públicas na parcela do Parque de Maquinaria da Avenida de Uruguay é unha gamberrada.

María Martínez Allegue asegurara na súa visita aos terreos que a Xunta é propietaria do 75% da parcela, polo que a intención era pedir ao Estado a cesión do 25% restante para completar o proxecto. Pero hoxe Abel Losada defendeu que só o 37% é de titularidade autonómica.

Losada asegurouque o goberno do Estado si que está a facer uso destas instalacións. Empréganse, dixo para depósito e taller de vehículos e maquinaria estatal.

Ademais, Losada ve tralo anuncio de Martínez Allegue un interese electoral.

Estas declaracións xa tiveron resposta dende a Xunta de Galicia. A Conselleira de Vivenda asegurou estar abraiada tras escoitar as declaracións de Losada, que cualificou de pataleta estéril. Segundo María Martínez, o seu departamento está en contacto co Ministerio de Transportes para tramitar a segregación da parcela e para conseguir o 100% da titularidade. E sinalou que a Xunta leva 17 anos pagando o IBI desta parcela.