O marisqueo de Vilanova denuncia que a situación é crítica e reclama a Mar que axilice as axudas

VILANOVA> A situación do marisqueo en Vilanova de Arousa é crítica. Así o trasladou o sector á conselleira do Mar. Marta Villaverde desprazouse hoxe ata o banco marisqueiro das Sinas para supervisar o traballo de recollida de mostraxes que permitan avaliar o impacto dos temporais deste inverno. Na confraría vilanovesa son claros: o marisco está morto e xa hai moitos mariscadores sen ingresos.

A recollida de mostraxes para avaliar o impacto dos temporais deste inverno nos bancos marisqueiros encara a súa fase final. A Conselleira do Mar avanzou que nos vindeiros días terán os primeiros resultados que, dixo, axudarán á toma de medidas.

Hoxe estes traballos realizáronse no banco marisqueiro das Sinas, en Vilanova de Arousa. Aquí a situación do sector é crítica.

Segundo os profesionais do mar, practicamente todo o marisco está morto. Algo que está a levar a moitas familias que viven do marisqueo a situacións límite.

A conselleira comprometeuse a axilizar as mostraxes e a toma de medidas. Dende a confraría de Vilanova adiantan que, se non hai avances, non desbotan mobilizarse.

Hoxe tamén se realizaron máis mostraxes da zona de Barbanza. En concreto, no banco marisqueiro de Mañóns, en Cabo de Cruz.