A segunda feira máis grande de España de maquinaria vitivinícola vaise celebrar en Vilagarcía

VILAGARCIA> O Salón Vintec terá lugar no mes de outubro en Fexdega, coa previsión de reunir máis de 300 expositores de España, Portugal, Italia e Francia. O evento complétase con charlas, xornadas técnicas e unha zona de catas.

A Feira Vintec traerá a Vilagarcía as principais novidades de maquinaria e subministros de viticultura. O evento está a espertar moito interese no sector. De feito, a previsión é acadar o 100% de ocupación en Fexdega, con máis de 300 expositores. O salón, destinado a público profesional, ten ademais un carácter internacional, coa participación de empresas de España, pero tamén de Portugal, Italia e Francia.

A feira servirá para presentar as grandes novidades do sector, abarcando todo o proceso.

Vintec vaise celebrar do 23 ao 26 de outubro. Ademais, ao estar fóra de tempada, suporá un gran estímulo para a economía da cidade.

Máis alá da parte expositiva, Vintec contará cun espazo con charlas e mesas redondas.

Tamén haberá unha colaboración con Castes. No marco de Vintec presentarase a nova edición desta feira independente do viño que se celebra en Vilagarcía. Incluirá catas para ir abrindo boca.

Nesta parte, o propio organizador de Castes, Sito Dieste, encargarase de ofrecer ao público unha master class para descubrir as claves para degustar viño.