O albariño da adega Vionta faise co ouro na cata-concurso da Festa do Albariño de Cambados

CAMBADOS> O albariño da adega Vionta é o mellor de 2023 da Denominación de Orixe Rías Baixas. Fíxose co ouro na cata concurso da Festa do Albariño. A prata foi para Noelia Bebelia, da subzona de Soutomaior, e o bronce para Xión,da adega Attis, localizada en Meaño. A entrega de premios fíxose como sempre, tralo Xantar oficial que despide a Festa dende os Xardíns de Torrado.

O albariño da adega meañesa Vionta é o mellor da anada 2023 da Denominación de Orixe Rías Baixas. A elaboración fíxose co ouro da cata concurso da Festa do Albariño de Cambados. A prata, pola súa banda, marchou para Soutomaior, para a adega Noelia Bebelia.

O bronce recaeu noutra adega meañesa Attis co seu Xión. Os viños destas tres adegas foron os escollidos polos catadores entre as 61 marcas que participaron nesta edición da Cata Concurso, a trixésimo sexta.

A entrega foi o colofón do xantar co que tradicionalmente se despide a Festa do Albariño de Cambados. Despediuse así unha edición multitudinaria na que non se rexistraron problemas salientables.

Na carpa instalada en Torrado reuníronse máis de medio milleiro de persoas. Ademais da entrega de premios, entregouse tamén o recoñecemento do concello, a Folla de Ouro. Como é tradición, foi para a pregoeira deste ano, a mariscadora cambadesa Victoria Oubiña.