O SALNÉS> O CIM da Mancomunidade do Salnés alerta do aumento do índice de atencións a vítimas de violencia de xénero. No 2025 acadou o 20% dos casos, fronte ao 12% do exercicio anterior. En total, o ano pasado este servizo mancomunadado atendeu unhas 2.300 consultas de mulleres. Este martes celebrouse a terceira Mesa Comarcal de Coordinación Institucional fronte á violencia de xénero, onde se fixo balance das necesidades de novos recursos ou o grao de implementación dos distintos programas para loitar contra esta lacra.
No 2025 2.300 mulleres recorreron ao Centro de Información á Muller da Mancomunidade do Salnés, que presta servizo aos concellos de Ribadumia, Meaño, Cambados, Vilanova e Meis. Dende o CIM alertan do incremento de consultas relacionadas coa violencia de xénero, que supuxeron no pasado exercicio o 20% das atencións prestadas.
Estes datos foron analizados hoxe na terceira Mesa Comarcal do Salnés de Coordinación Institucional fronte á violencia de xénero. Un foro que reúne a todos os axentes implicados, dende administracións a corpos de seguridade, pasando por centros educativos ou de orientación laboral.
O presidente da Mancomunidade salienta a utilidade deste tipo de encontros, que permiten reforzar a coordinación entre administracións e o conxunto de axentes implicados.
No encontro tamén se avanzou no protocolo para a atención a menores de 0 a 3 anos para unha atención rápida ante as primeiras actuacións ante casos de violencia de xénero, ante supostos de ter que acudir a un xulgado ou estar nun cartel da Garda Civil durante horas. A proposta, que aínda está pendente de aprobación, contempla que sexan derivados a centros escolares.











