A Deputación organizada ata outubro sete citas con Mulleres de Palabra(s)

PONTEVEDRA> Dende marzo ata outubro a Deputación de Pontevedra desenvolverá a segunda entrega de Mulleres de Palabras. Unha programación que este ano contempla sete citas para conversar en distintos puntos da provincia sobre o peso das mulleres nas letras e na arte.

Conversar sobre o peso das mulleres nas letras e na arte. É o obxectivo do programa Mulleres de Palabras, unha programación impulsada pola Deputación de Pontevedra que este ano cumpre a súa segunda edición.

Serán sete actividades que se desenvolverán en diferentes puntos da provincia. A primeira cita será o 28 de marzo coa celebración do Día Mundial da Poesía. O Pazo Provincial acollerá un acto coas tres últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía: Mirian Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño.

Como novidade, este ano porase en marcha unha biblioteca ambulante. Percorrerá diferentes centros educativos da provincia para achegar ao alumnado recomendacións de obras literarias realizadas por mulleres.

Cada xoves do mes de abril está programado un obradoiro para ler poesía con Dores Tembrás. Xa en maio, Arancha Portabales protagonizará unha conversa en Marín e no mes de xuño será Andrea Fernández Plata a que dirixa un obradoiro de cerámica na Lama. O ciclo continuará en setembro cun acto no Palacete das Mendoza coa poeta Antía Otero e a cantante e compositora Guadi Galego titulado “Escribir e cantar: a música das palabras”. A clausura está prevista para o 17 de outubro para celebrar cunha sesión de lectura o Día das Escritoras.