Familias de Vilagarcía piden un curso de natación adaptado para os seus fillos con necesidades especiais

VILAGARCIA> Un grupo de familias de Vilagarcía con fillos con necesidades especiais reclama crear un programa de natación adaptado na piscina municipal. Explican que para a rapazada con autismo, síndrome de Down ou parálise celebral unha actividade como este ten moitos beneficios, comezando pola seguridade, porque habitualmente son pequenos que non son conscientes do perigo. Reclaman que se adapten as instalacións de Fontecarmoa para esta proposta e se contrate persoal especializado. Este xoves leverán a súa demanda ao pleno municipal.

Katarzyna e Jose son os pais dunha nena de 9 anos con autismo. Eles fan hoxe de voceiros dun grupo de familias de Vilagarcía con pequenos con necesidades especiais. Están todos unidos para reclamar que na piscina de Fontecarmoa se cree un programa de natación adaptado ás necesidades dos seus fillos e fillas.

Apoiando este causa hai xa máis dunha vintena de familias con rapazada con autismo, síndrome de Down, parálise celebral ou discapacidade intelectual.

Reclaman un curso cun monitor especializado e tamén unha franxa silenciosa, para que os pequenos poidan practicar a natación con tranquilidade.

As familias xa trasladaron hai meses esta petición á xerencia da piscina, pero -segundo o relato das nais e pais- a resposta é que os pequenos presentan demasiadas necesidades, non teñen persoal cualificado e que as instalacións non permiten este tipo de cursos.

Esta petición vaise tratar este xoves no pleno de Vilagarcía, a través dunha moción do BNG.

Na sesión plenaria tamén está prevista a intervención das familias para defender a súa proposta coa súa propia voz.