A Xunta comezará a construción do novo barrio de Pontevedra en San Amaro comezará no 2028

PONTEVEDRA> 2028 é a data que se marca a Xunta para ter en marcha as obras das 2.000 novas vivendas contempladas no Proxecto de Interese Autonómico de San Amaro, en Pontevedra. Hoxe o Diario Oficial de Galicia publicou a súa aprobación inicial. Segundo explicou esta mañá a conselleira de Vivenda, está previsto que 1.600 destes fogares sexan de protección oficial. A Xunta destina ao proxecto 28 millóns de euros de fondos propios e prevé que o investimento inducido sexa de máis de 380 millóns de euros.

Este é o espazo do barrio de San Amaro, en Pontevedra, no que a Xunta prevé a construción de 2.000 novas vivendas. Trátase dunha superficie de 21 hectáreas. Dos fogares proxectados, o 80%, algo máis de 1.600, terán algún tipo de protección oficial.

As edificacións previstas terán unha altura máxima de baixo e cinco plantas. Tamén se contempla a construción de ata unha vintena de vivendas unifamiliares. Segundo o proxectado polo equipo redactor, o barrio estará vertebrado polo rego da Ponte do Couto.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a aprobación inicial deste Proxecto de Interese Autonómico de San Amaro. Ábrese así un período de 15 días para alegacións. A intención é que as obras poidan estar en marcha no 2028.

En canto ás expropiacións que serán necesarias para levar a cabo esta urbanización, María Martínez asegurou que son 13 as vivendas que se verán afectadas. A conselleira mantivo onte unha reunión cos veciños.

Ademais da superficie edificable, o proxecto reserva máis de 67.500 metros cadrados para zonas verdes e espazos libres e case 29.000 para equipamentos públicos, cun uso que definirá o concello de Pontevedra. Tamén se habilitarán 570 prazas públicas de aparcadoiro e plantaranse ou conservaranse polo menos 2.300 árbores.