PONTEVEDRA> O Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra busca novos inquilinos. O concello anunciou hoxe a saída a concurso de dez dos postos para reactivar a súa oferta. En concreto, son nove postos comerciais e un dos bares do primeiro andar deste equipamento pontevedrés. Ademais, o goberno local reservará a maiores dúas das casetas baleiras para poñelas a disposición de iniciativas da hostalería local.
Nove postos e un bar do Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra buscan novos inquilinos. O concello puxo en marcha a maquinaria para iniciar o proceso para a adxudicación das autorizacións para a xestión destes espazos.
Deste xeito, o goberno local busca a reactivación inmediata deste equipamento. Este proceso público permitirá a ocupación de doce casetas.
Estas autorizacións son inicialmente por un prazo dun ano, prorrogables por dous máis. O canon anual máximo é de 357 euros. Pola súa banda, as taxas mensuais oscilarán entre os 30 e os 60 euros ao mes, dependendo do posto.
Nesta nova etapa o concello inclúe unha novidade: reservaranse dúas casetas fóra de licitación para poñelas a disposición exclusiva da hostalería local. Unha idea que nace do grande éxito de propostas como a experiencia gastronómica impulsada polo Icewolf.
A concelleira indicou que, aínda que a longo prazo o obxectivo é acadar unha estabilidade no equipamento e licitar unha xerencia externa para todo o espazo, decidiuse priorizar a saída destas autorizacións directas para non atrasar a posta en marcha do gastroespazo con novas obras estruturais.











