Galilyo, un proxecto de froita deshidratada con base en Ribadumia que loita contra o desperdicio

RIBADUMIA> Kiwi Atlántico prepara o lanzamento de petiscos de froita deshidratada con pezas non comerciais. A empresa, asentada en Ribadumia, leva máis de tres anos traballando nun proxecto centrado na liofilización que permite manter todas as propiedades do produto potenciando o seu sabor. O que buscan dende a compañía é reducir o desperdicio alimentario, tentando xerar na cidadanía novos hábitos de consumo saudables.

Kiwi Atlántico leva máis de tres anos traballando nun novo proxecto. Chámase Galilyo e consiste na transformación de froita en petiscos deshidratados. Detrás del hai moito traballo de investigación, coa base de aproveitar todas as froitas consideradas non comerciais.

A transformación da froita conséguese a través da liofilización.

Este xoves a empresa amosoulle o proxecto á Conselleira de Medio Ambiente. Ángeles Vázquez puxo en valor iniciativas como esta, que dinamizan o rural. Destacou tamén a importancia de aproveitar recursos como as froitas que se descartan por tamaño ou estética.

Porque, indicou a Conselleira, un terzo do produto que pasa por plantas como esta non chega aos lineais de venda. De aí a importancia de proxectos como este.

Na visita ás instalacións, o alcalde de Ribadumia felicitou á empresa polo traballo que están a facer e que sitúa o municipio na vangarda do sector.