NOIA> A reforma levada a cabo recentemente nos Xardíns Felipe de Castro de Noia está a xerar certa controversia. O BNG critica o resultado do proxecto ó consideralo un parche inapropiado para un ben histórico. Pola súa banda, dende o concello non descartan pedir responsabilidades á empresa por unha serie de erros na execución.
Tras coñecer o proxecto que estaba previsto executar nos Xardíns Felipe de Castro, o BNG de Noia xa manifestou a súa crítica que non fixo máis que confirmarse ó comprobar o resultado final da actuación. Unha actuación, canalizada a través da Asociación de Desenvolvemento Rural Ría de Muros Noia, polo que non pasou polo pleno para recibir o visto bo da corporación.
Os nacionalistas apostaban por unha actuación integral nos xardíns, catalogados como ben histórico posto que eran a única parte da alameda noiesa que conservaba aínda o seu aspecto orixinal.
Pola súa banda, dende o goberno tamén amosaron a súa disconformidade con certos aspectos relacionados coa execución das obras polo que non descartan pedir responsabilidades á empresa para a súa corrección.











