Noia recupera a esencia do San Marcos con propostas de lecer para tódolos públicos

NOIA> Noia quenta motores para vivir unha das súas citas máis tradicionais. As festas de San Marcos celebraranse entre o 24 e o 26 de abril cunha ampla programación lúdica na que o evento principal volverá ser a feira cabalar.

O concello de Noia recuperará a esencia do San Marcos cunha ampla proposta festiva na que se inclúen actividades para tódolos públicos. O eixo das celebracións será a Feira Cabalar que se celebrará o sábado 25 en San Lázaro, organizada este ano pola Asociación Cabalar Serra do Barbanza.

Aínda que o sábado será o día grande, xa o venres haberá un aperitivo cunha ruta cabalar ata a capela de San Marcos posterior curro polo casco histórico.

A música será outros dos pratos fortes con sesións vermú e actuacións nocturnas entre as que destacan orquestras como Trébol, New York, París de Noia e Nueva Línea, bandas como ‘La Guardia’ ou sesións DJ con temática dos 80.

Dende o concello destacaron a importancia dunha festa como San Marcos para Noia non só pola súa arraigada tradición senón pola importante dinamización que imprime ó tecido comercial e hostaleiro.