A Deputación adxudicará este venres o proxecto e a dirección da rehabilitación de Santa Cara a Nieto Sobejano Arquitectos

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra avanza na rehabilitación de Santa Clara. O vicepresidente anunciou hoxe que este venres adxudicarán o proxecto e a dirección de obra a Nieto Sobejano Arquitectos, o estudo gañador do concurso convocado polo anterior goberno. Este paso pode darse despois das negociacións entre ambas partes para modificar o proxecto inicial. Segundo Rafa Domínguez, a adxudicación farase por 1,7 millóns de euros.

O pasado 30 de xaneiro a Deputación de Pontevedra aprobaba o expediente de contratación da redacción do proxecto e dirección de obra para a rehabilitación de Santa Clara. Abriuse entón unha fase de negociación con Nieto Sobejano Arquitectos, o estudo que gañara o concurso internacional de ideas. 15 días despois, as dúas partes chegaban a acordo.

A adxudicación formalizarase este venres por 1,7 millóns de euros. Abrirase entón un proceso de catro fases.

Nun escenario ideal, explicou Domínguez, as obras poderían comezar a finais deste ano ou a principios do vindeiro. Condicionadas, explicou, aos permisos de Patrimonio e á licenza que ten que conceder o concello de Pontevedra. Así as cousas, reiterou o compromiso da Deputación con Santa Clara.

O vicepresidente anunciou que convocará unha reunión do coñecido como Pacto por Santa Clara, no que participan Deputación e concello de Pontevedra. Domínguez tendeu a man ao goberno local e fixo un chamamento a manter a lealdade institucional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí