POBRA> Coas Festas do Nazareno, chega unha das citas festivas máis importantes da Pobra, que serve ademais de punto final á época estival.
A comisión organizadora dos festexos, xunto co Concello, deron a coñecer o cartel das festas que, un ano máis, estará repleto de actividades tanto para nenos como para adultos, intentando satisfacer tamén a todo tipo de gustos.
As festas arrancarán o venres 19 co pregón, a cargo este ano dos membros da Banda de Música da localidade, a partir das nove dende o balcón da casa consistorial.
Pero sen dúbida o día grande será de novo o domingo coa procesión das mortallas que, como cada ano, atraerá a miles de visitantes.
A música será tamén un dos grandes atractivos das festas con actuacións destacadas como a de Monoulious DOP o venres ou G Face o sábado, tampouco faltarán as tradicionais verbenas coas mellores orquestras de Galicia como é o caso de América, Panorama ou o Combo Dominicano.
E como vén sendo habitual nos últimos anos un fin de festa por todo o alto, co gran espectáculo de drons e fogos artificiais na zona do Areal.











