Barbanza Arousa financiará accións divulgativas para dar a coñecer o camiño ‘A Orixe’

BOIRO> A Mancomunidade Barbanza Arousa e a Asociación de Amigos do Camiño A Orixe veñen de asinar un convenio para financiar actividades de promoción desta ruta xacobea. A divulgación entre escolares ou a realización de etapas guiadas son algunhas das propostas que se enmarcan neste acordo.

Os presidente da Mancomunidade e da asociación de amigos do Camiño A Orixe ratificaron mediante esta sinatura o convenio entre as dúas entidades para a promoción da ruta xacobea que discorre pola comarca. O ente supracomarcal destinará 22 mil euros para a financiación de diversas actividades divulgativas que contribúan a poñer en valor este percorrido de gran riqueza histórica e patrimonial.

Hai pouco máis de catro anos que botaba a andar este camiño, aínda descoñecido a nivel nacional e internacional, que rememora o tránsito do corpo do apóstolo por vía terrestre ata Compostela. Recentemente vense completar a súa creación coa instalación dos indicadores e sinais que facilitan ós peregrinos o seu percorrido.

A primeira das accións froito deste convenio será a inauguración en Viana do Castelo da exposición ‘As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza’ que poderá visitarse na localidade portuguesa a partir do 9 de xullo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí