RIBEIRA> O BNG levará ó Parlamento unha serie de iniciativas sobre o mal estado en que se atopan os portos de Ribeira. Demandan que se garanta o mantemento básico en materia de limpeza, pavimentación e seguridade. Mentres non sexa así esixen a Portos unha exención no pago das taxas.
Non é a primeira vez que o BNG se fai eco do mal estado dos peiraos non só do termo municipal de Ribeira senón de toda Galicia. Ademais de instalacións deterioradas que dificultan o labor dos profesionais e mesmo poden supoñer un risco para a súa seguridade, botan de menos un mínimo labor de mantemento que garanta os servizos básicos nos portos, especialmente no de Ribeira pola súa importancia comercial. Mentres non sexa así esixen a exención do pago das taxas ós usuarios.
Ademais das iniciativas no Parlamento levarán tamén a pleno unha moción demandando melloras nas instalacións das que fan uso os profesionais así como un incremento da seguridade co reforzo do alumeado e a reparación do sistema de videovixilancia que permanece inactivo.
Os nacionalistas pedirán tamén á Consellería do Mar que busque, en colaboración co sector, unha alternativa ó declive das descargas do porto comercial de Ribeira.









