Protestas no Barbanza para denunciar o incremento das listas de agarda

RIBEIRA> O hospital do Barbanza foi escenario ó longo desta mañá dunha concentración continua para denunciar o incremento das listas de agarda. Dende a plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza demandan unha xuntanza co xerente da área e o director do hospital para abordar o retraso nas consultas de revisión que non se inclúen nas listaxes oficiais.

Dende as nove da mañá ata as 3 da tarde desenvolveuse unha protesta ininterrompida ás portas do hospital do Barbanza. O obxectivo desta concentración continua, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, é chamar a atención sobre o incremento das listas de espera para consultas con especialistas, especialmente no que respecta ás segundas citas para revisión, que non se inclúen nas listas de espera oficiais do Sergas.

Hai especialidades que acumulan máis dun ano de demora para revisións como traumatoloxía, endocrinoloxía ou cirurxía xeral seguidos de psicoloxía, medicina interna ou psicoloxía.

Esta mañá rexistraron unha nova solicitude para ser recibidos polo director do hospital e o xerente da área sanitaria Santiago-Barbanza co obxectivo de trasladar todas estas demandas. De non obter reposta antes do venres manterán a concentración de xeito continuado ata finais de semana.