CAMBADOS> Somos Cambados e Somos Ribadumia participarán este sábado nun encontro de candidaturas municipalistas de toda Galicia. Unha reunión que se vai celebrar en Chantada e que busca avanzar na construción dunha confederación de proxectos locais de cara ás municipais de 2027. A proposta pretende crear unha coalición específica para eses comicios mantendo a autonomía de cada formación, pero intentando ser clave para a configuración das Deputacións.
A pouco máis dun ano para as eleccións municipais, previstas para o 23 de maio de 2027, os partidos políticos comezan a tomar posicións. As formacións da denominada esquerda rupturista e municipalista ten unha cita este vindeiro sábado en Chantada. Alí vaise organizar un encontro de grupos de todo o país para avanzar na construción dunha confederación de proxectos locais. Do Salnés asistirán Somos Ribadumia e Somos Cambados.
No encontro abordarán a creación dunha confederación de proxectos locais para as municipais. O espazo xa está constituido baixo a denominación de Agora Galicia. Proporá un modelo de coalición específica para os comicios, con cada formación mantendo a súa autonomía local. Un modelo que permitiría optimizar o voto, podendo ser clave para as Deputacións.
Ademais de deseñar a estratexia, o foro servirá como punto de encontro para abordar problemáticas comúns a todo o país.
A formación de Cordal acude a esta cita logo de confirmar que concorrerán ás municipais baixo a súa marca, Somos Cambados. O que non está pechado polo de agora é quen será a cabeza de cartel. Cordal asegura que polo de agora non ten tomada a decisión.
O tenente alcalde cambadés apunta que a súa formación encara con optimismo as municipais do ano que vén, a pesar do contexto xeral no que a política galega ou española pode influír a nivel local. Con todo, agarda que a súa formación sexa determinante para un novo goberno de progreso na vila.











