O BNG reclama unha segunda ambulancia medicalizada para O Salnés para atender a Sanxenxo e O Grove

O SALNÉS> O BNG reclama unha segunda ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés. Os nacionalistas denuncian a intención da Xunta de trasladar un ano máis a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés para Sanxenxo durante os meses de verán. Reclaman unha propia para ese municipio e O Grove para non deixar desatendida, din, o resto da comarca. Esta mañá iniciaron unha recollida de sinaturas en Vilagarcía.

O BNG denuncia o que, ao seu xuízo, é un segredo a voces: os plans da Xunta, como nos últimos anos, de trasladar a ambulancia medicalizada con base no Salnés a Sanxenxo durante os meses de verán. Denuncian que é unha medida que supón desvestir un santo para vestir outro.

Os nacionalistas din ser conscientes do volume de turistas que nos visitan, polo que reclaman unha segunda ambulancia que preste o seu servizo entre os concellos de Sanxenxo e o Grove.

Arroupando estas reivindicacións, xunto co BNG, estiveron hoxe traballadores de urxencias sanitarias. Din que non reclaman nada para eles, senón para a cidadanía.

Ao mesmo tempo, denuncian o uso inadecuado que, din, se está a facer da ambulancia medicalizada do Salnés, facendo traslados a outros centros sanitarios, o que se traduce en que non está dispoñible durante unha emerxencia real. Sobre todas estas demandas, levarán iniciativas ao Parlamento Galego. Ao mesmo tempo inician unha campaña de recollida de sinaturas, para demostrarlle á Xunta, explican, a inquedanza da cidadanía do Salnés ante unha situación que se repite, lamentan, tódolos veráns.