PONTEVEDRA> Retrasos no calendario previsto para a dragaxe do río Lérez, en Pontevedra. A necesidade de incorporar novos estudos que foron solicitados polo Estado durante a fase de alegacións retrasará entre dous e tres meses a tramitación ambiental do proxecto. Así as cousas, a Conselleira do Mar reafirmou hoxe o compromiso da Xunta con este proxecto e acusou ao Goberno do Estado de poñer trabas a este proxecto. Marta Villaverde insistiu en que a dragaxe se executará no ano 2027.
O Goberno do Estado pide máis informes para avanzar coa dragaxe do Lérez. Durante o proceso de exposición pública iniciado a principios de febreiro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica solicitou estudos complementarios cunha caracterización completa dos áridos a maior profundidade, análises sobre a presenza de especies exóticas invasoras, o impacto da turbidez nas praderías de Zostera e a afectación á praia de Lourido.
Para a Xunta de Galicia, estas novas demandas do Goberno central parece que buscan dificultar a tramitación da obra, incrementando os custes e dilatando os prazos. Así as cousas, a conselleira do Mar insistiu no compromiso do goberno autonómico con esta dragaxe.
Pechado o proceso de exposición pública e consultas sectoriais, rexistráronse 43 alegacións a este proxecto de dragaxe do Lérez. A maioría, 36, son copias cun contido idéntico, mentres que as sete restantes presentan achegas diferenciadas. No que respecta ás administracións, Portos de Galicia recibiu 18 dos 30 informes solicitados.
No que se refire aos concellos, só o de Pontevedra remitiu un informe de carácter técnico. Nel solicita que se respecte o emisario submarino e que se coordinen os traballos coas datas de eventos deportivos na zona.











