Sanxenxo asume a xestión e explotación do novo emisario submarino de Montalvo

SANXENXO> A explotación do novo emisario de Montalvo xa depende do concello de Sanxenxo. A cesión desta infraestrutura formalizouse esta mañá cunha sinatura na que participaron os alcaldes Telmo Martín e Ángel Moldes, de Poio, e os responsables da empresa pública estatal Acuaes. Trátase dunha peza clave para solucionar os problemas de saneamento dos dous municipios. A construción deste emisario contou cun orzamento de 3,7 millóns de euros, incluídos nun investimento total de 24 millóns para mellorar a calidade das augas da ría de Pontevedra.

O concello de Sanxenxo asumiu hoxe a xestión e explotación do novo emisario submarino de Montalvo e do ampliado bombeo do porto do municipio. Esta mañá celebrouse a sinatura da recepción destas dúas infraestruturas.

A construción do emisario, cun orzamento de 3,7 millóns de euros, está enmarcada nun conxunto de actuacións para mellorar o saneamento e a depuración de Sanxenxo e Poio, ademais de incrementar a calidade das augas da ría de Pontevedra. Toda a intervención, orzamentada en 24 millóns de euros, comezou a tramitarse no 2019.

Segundo o acordo asinado hoxe, o concello de Sanxenxo asume a xestión das tarefas de operación, conservación e mantemento do emisario de Montalvo e do bombeo de Sanxenxo. Pola súa banda, Poio será usuario do sistema unha vez se poña en marcha o bombeo de Raxó.

Queda pendente a cesión doutros elementos do sistema que aínda non están en servizo. Está previsto que o proceso remate coa cesión da nova depuradora de Paxariñas en outubro deste ano.