A confraría da Pobra lanza unha mensaxe de auxilio para evitar o seu peche

A POBRA> A confraría da Pobra atravesa o peor momento dos seus 102 anos de historia. A caída de ingresos derivada da perda de produtividade dos bancos ten á entidade ó borde do peche. Para evitar a súa desaparición, veñen de presentar un plan de auxilio social que inclúe dende campañas de crowfunding  e actividades para a recadación de fondos ata colaboracións con grandes empresas da zona.

Os ingresos da confraría da Pobra levan en caída libre unha década, agravándose especialmente dende o ano 2023. As riadas dese ano supuxeron o comezo da perda progresiva da produtividade dos bancos que a día de hoxe apenas albergan marisco que permitan manter a viabilidade da entidade.

Á caída das vendas, principal sustento económico da entidade, súmase a proliferación do furtivismo masivo.

Malia que a confraría traballa na rexeneración dos bancos e comezou a ver resultados nunha zona concreta onde está a fixar a amexa xapónica, trátase dunha solución a medio prazo. Non chegaría a tempo para evitar o peche da entidade polo que poñerán en marcha un plan de medidas urxentes que lles permitan recadar fondos para facer fronte ós gastos diarios e manter o cadro de persoal, composto na actualidade por 7 traballadores, 4 deles en ERTE.

Piden ademais medidas concretas á Xunta para frear a mortalidade de marisco na ría de Arousa, en lugar de destinar máis de 20 millóns de euros a axudas compensatorias para os mariscadores a pé. A agrupación da Pobra votou maioritariamente non acollerse a este cese de actividade proposto pola administración posto que prescindir das vendas implicaría o seu peche definitivo.