VILAGARCÍA> Xornada de limpeza da praia da Compostela, de Vilagarcía. A rapazada do colexio Sagrada Familia levou a cabo este mércores unha gran recollida de microplásticos. O alumnado está moi concienciado con esta problemática, que ten graves consecuencias para o medio mariño. Este centro, por certo, acaba de entrar nas Escolas Azuis da Unión Europea, en recoñecemento aos seus proxectos medioambientais.
A praia da Compostela, en Vilagarcía, non é allea a un dos problemas medioambientais máis graves que afectan ao medio mariño: os microplásticos. Conscientes diso, o alumnado do colexio Sagrada Familia púxose más á obra, para retirar do areal a maior cantidade posible de refugallos de pequenas dimensións.
Como ven, a rapazada deste colexio ten a lección moi ben aprendida. Explícannos que a actividade desta xornada está enmarcada tamén na materia de bioloxía, que lles permitiu afondar nos ecosistemas mariños e nas consecuencias dos microplásticos para os seres vivos que habitan neles.
Esta xornada enmárcase nun programa medioambiental do centro destinado a todos os cursos da ESO. Neste caso, na praia, participan case medio cento de primeiro. Canda a eles, outros 6 alumnos de segundo que se encargan de explicar aos máis novos a actividade.
A actividade conta co apoio do concello de Vilagarcía.
Esta xornada de limpeza foi ademais moi especial. E é que o centro acaba de entrar nas Escolas Azuis da Unión Europea, en recoñecemento aos seus proxectos medioambientais.
Entre as súas accións, inclúense limpezas como esta, plantacións de árbores e outras iniciativas de concienciación.











