VILAGARCÍA> Sardiñas, música e un gran reencontro con clientes e amizades de toda a vida. Deste xeito celebrou o asador O Ruedo, en Vilagarcía, o seu décimo aniversario. Nesta década, este local soubo facerse cun nome propio na cidade, en especial, polo seu bo facer co polbo. Outro dos seus pratos fortes son as carnes de vacún, que dende hai dez anos atraen ao Ruedo aos padais máis esixentes de Vilagarcía e a contorna.
Aínda que o tempo pasa rápido, dez anos non se fan todos os días. No Asador O Ruedo, en Vilagarcía, quixeron celebrar por todo o alto a súa primeira década de vida. Para a ocasión, este mércores á tardiña organizaron un evento no que non faltou de nada. Con el, os responsables do local -naturais de Chantada- quixeron agradecer a fidelidade de clientes e amigos, máis aínda logo de que Vilagarcía os recibise cos brazos abertos.
Para a celebración O Ruedo organizou unha sardiñada. Acompañouna coa música de De Perdidos al trío. A día de hoxe este restaurante é unha das grandes referencias gastronómicas da cidade, destacando do seu menú o polbo e as carnes de vacún.
Pero nestes dez anos tamén houbo momentos duros no Ruedo. Varios incendios e, por suposto, a pandemia, marcaron esta década.
Pero as cousas malas, por sorte, xa quedaron atrás. Neste décimo aniversario foron moitos os que non perderon a oportunidade de achegarse ata aquí para felicitar ao Ruedo. Mesmo vellas amizades de Chantada, que tampouco quixeron perder esta cita.
Pois moitos parabéns e por moitos anos máis… e nós que poidamos contar.











