VILAGARCÍA> En Vilagarcía, a perigosa curva da Golpelleira pasará á historia nos vindeiros meses. A obra de ensanche do acceso ó barrio da Torre xa está en licitación. O proxecto inclúe a demolición dunha propiedade. A mellora da seguridade viaria nesta vía é unha vella reivindicación dos veciños da zona.
A agardada actuación na coñecida como curva da Golpelleira está a piques de facerse realidade. O proxecto xa está en fase de licitación. Na zona eran moitos os que agardaban a noticia. Ademais de dar acceso ós veciños do barrio da Torre, por esta vía circulan a cotío numerosos vehículos e peóns con destino a un campo de fútbol.
Despois de moitos meses de conversas, o Concello chegou a un acordo cos propietarios desta pequena construción, a responsable do estreitamento do camiño xusto na perigosa curva. Agora, esta edificación, anexa unha vivenda principal, vai ser derrubada.
Ademais de ensancha-lo vial, vaise levar a cabo o retranqueo deste muro, para construír beirarrúas. A obra saíu a licitación por pouco máis de 113.000 euros. Os veciños da zona levan anos demandando unha actuación.
Os traballos fináncianse con fondos do Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra. Teñen un prazo de execución de 3 meses, polo que estarán rematados no inicio do vindeiro ano.