Primeira xornada de folga no metal da provincia de Pontevedra cun seguimento masivo

VILAGARCÍA> A folga do metal paraliza o sector. Os sindicatos apuntan que o seguimento desta xornada de paro foi practicamente total en toda a provincia de Pontevedra. En Vilagarcía, a manifestación reclamando melloras no seu convenio atravesou a cidade. Houbo tamén outra marcha en Pontevedra e piquetes en empresas de varios municipios da zona.

Primeira das seis xornadas de folga no sector do metal convocadas por CIG, CCOO e UXT na provincia de Pontevedra. Vilagarcía acolleu a manifestación principal desta xornada para reivindicar melloras no seu convenio. A xornada de folga arrancou xa na quenda da madrugada, segundo os sindicatos cun seguimento practicamente total.

Nesta empresa de Caldas, a CIG -sindicato maioritario no sector- organizou un piquete informativo. Houbo accións deste tipo noutras empresas da contorna, como en Extrugasa, en Valga;  Calmear, en Vilanova, Talleres Pintos, en Meaño ou Acernor, en Cambados. Logo de varias mesas de negociación, recorren á folga na procura de melloras laborais para os traballadores.

Reclaman tamén equiparar o convenio pontevedrés ao das outras tres provincial galegas no referente á subrogación.

Os sindicatos lamentan a postura da patronal e a sucesión de reunións nos que non se avanzou nada. O último encontro, o luns pasado, e sen previsión de novas xuntanzas.

Na manifestación deste xoves en Vilagarcía participaron centos de traballadores. O percorrido, inicial, entre As Carolinas e O Ramal, viuse afectado. Para evitar o colapso do centro da cidade, o concello decidiu limitalo.

Polo de agora non hai data para unha nova reunión coa patronal.