A incautación dunha ‘narcolancha’ en Vilanova deixa dous detidos

VILANOVA> Dous detidos nun novo golpe contra o narcotráfico en Arousa. Esta madrugada a Garda Civil detectou unha narcolancha cando chegaba ao porto de Vilanova de Arousa. A embarcación estaba baleira, e crese que os dous homes estaban intentando metela en terra para agochala despois de participar nunha descarga.

A Garda Civil incautou esta madrugada unha planadora no porto de Vilanova de Arousa. A embarcación foi descuberta cando dous homes intentaban sacala da auga cun remolque. Crése que para agochala nalgunha nave da contorna.

Foi o dispositivo de vixilancia na costa da Garda Civil o que detectou estes movementos. Ao ser descubertos polos axentes, tanto o home que pilotaba a narcolancha como o que o agardaba en terra déronse á fuga. Un a nado e outro a pé, respectivamente. Finalmente, foron detidos pola Garda Civil. Un é arousán e outro sudamericano.

No momento no que foi incautada, a embarcación estaba baleira, pero as pesquisas apuntan a que puido participar na descarga dalgún alixo de droga nas últimas horas. A forma da planadora apunta que foi deseñada para o transporte e almacenamento de estupefacientes, e para realizar viaxes longas.

Dende o achado, un helicóptero está a rastrexar toda a zona. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí