Seguimento masivo na segunda xornada de folga no sector do metal na provincia de Pontevedra

VILAGARCIA> Segunda das seis xornadas de folga no sector do metal na provincia de Pontevedra, reclamando melloras no seu convenio. Os sindicatos falan dun seguimento practicamente do 100%, como no primeiro dos paros o pasado xoves. A terceira xornada de folga está prevista para este xoves.

De novo, a folga do metal paraliza o sector. A segunda xornada de paro convocada pola CIG, CCOO e UXT deixouse notar en toda a provincia de Pontevedra. O seguimento foi practicamente total.

Nesta segunda xornada houbo mobilizacións en Vigo, Pontevedra e aquí, en Vilagarcía. Co mesmo percorrido que na primeira das folgas do pasado xoves, dende os sindicatos denuncian que non houbo ningún achegamento coa patronal para negociar melloras no convenio do sector.

Dende a CIG, sindicato maioritario no sector, mantéñense firmes nas súas demandas.

E insisten en que a proposta da patronal en canto ás subas salariais é insuficiente.

Este xoves terá lugar a terceira convocatoria de folga, para a que agardan tamén un apoio do 100 % dos traballadores.