Música, gastronomía e tractores no San Isidro O Labrego de Caleiro

VILANOVA> Fin de semana de troula na parroquia vilanovesa de Caleiro. Este sábado vaise celebrar a Festa de San Isidro O Labrego. Unha cita na que ademais de música e gastronomía, a parroquia presume de tractores. Como é tradición, celebrarase o desfile de maquinaria, no que se agarda a participación duns vinte tractores. Na comisión tamén poñen o foco no desfile de tractores infantil, para que os máis pequenos da volta manteñan a tradición no futuro. O domingo, mentres, celebrarase a quinta Xuntanza de San Isidro nos Muíños de Currás.

Os mozos da Comisión do Pan e o Chourizo de Caleiro, en Vilanova, teñen todo preparado para este sábado. Un ano máis organizan a Festa de San Isidro O Labrego. Unión y fuerza e Marbella póñenlle o ritmo, nunha xornada na que a música e o baile tradicional tamén estará presente, con Xironsa, Boudebou e o Grupo de Danza do Castro. Pero un ano máis un dos grandes reclamos son os carros e tractores. Na honra do San Isidro O Labrego, a comisión volve organizar un desfile, con multitude de premios, no que o ano pasado sumaron 20 participantes.

Tamén lle dan unha especial importancia ao desfile de tractores infantil, para que a tradición perdure no tempo.

Haberá tamén espazo para outras actividades infantís e por suposto gastronomía, con chourizos e pan de millo e varios postos. A festa conta co apoio do concello e da Deputación de Pontevedra.

Porque esa é a outra das citas da fin de semana. Será o domingo , cando se celebre a quinta Xuntanza de San Isidro nos Muíños de Currás, neste caso organizada polo concello.

Na parte musical, participarán Os Cruceiros de Tremoedo e o dúo Aché.