O albergue xuvenil das Sinas ponse a punto para recibir á rapazada a partir do 1 de xullo

VILANOVA> A Xunta pon a punto o albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova. As instalacións estanse a renovar para dar resposta ás necesidades da rapazada que vai pasar alí o verán. Este ano, só poderán participar 60 mozos e mozas por quenda, a metade da capacidade habitual, por mor da covid. A medida forma parte do protocolo deseñado polo goberno galego para previ-la transmisión do virus neste tipo de centros.

O albergue xuvenil das Sinas, no concello de Vilanova, ponse a punto ás portas do verán. O complexo da Xunta está sendo obxecto dunha completa intervención. Con ela búscase dar resposta ás necesidades dos mozos e mozas que pasan aquí as súas vacacións estivais.

No albergue traballan contra o reloxo para telo todo a punto o 1 de xullo. Ese día arrancan aquí os campamentos, como sempre, cunha alta demanda. Con todo, este ano só poderán participar 60 rapaces. A capacidade vese reducida desta volta ao 50%, dentro do protocolo deseñado contra a covid. Unhas medidas que, tal como aconteceu no pasado verán, garanten a seguridade de todas as persoas usuarias.

O que non mudou a covid é o espírito do albergue, que mantén o seu atractivo programa de lecer para un público de entre 13 e 17 anos. A visita da rapazada a Vilanova nos meses de verán é un clásico que se repite dende hai 70 anos. Unha experiencia que, de seguro, moitos dos 240 mozos que pasarán por aquí este ano lembrarán por moito tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí