En marcha a mellora de servizos na rúa Brasil

NOIA> O executivo noiés continúa co seu plan de actuación de cara a mellora dos servizos básicos nas diferentes zonas do Concello que carecen deles.

Tras a actuación realizada na Albariza, tocoulle a quenda á rúa Pontevedra, onde se procedeu á renovación total do firme e á mellora da accesibilidade e a seguridade viaria, por un importe duns 30 mil euros.

Pero non para aí, outro dos proxectos que o goberno noiés ten en marcha é o da mellora do saneamento e a renovación do firme nas rúas Brasil e Lorenzo de Armada, no barrio de San Lázaro. Dúas actuacións moi demandadas pola veciñanza da zona.

Esta actuación está a ser executada tamén de xeito directo polo Concello, a través da propia brigada de obras municipal, como tamén acontecera na Albariza, o que permitirá un importante aforro para as arcas municipais.

Segundo informaron fontes municipais as obras serán realizadas por tramos, buscando minimizar impacto na actividade comercial e na vida diaria dos veciños desas zonas.