CAMBADOS> Campaña para a prevención de atropelos de persoas maiores nas estradas de Pontevedra. No que levamos de ano faleceron xa seis anciáns atropelados na provincia. A iniciativa, impulsada pola Subdelegación do Goberno, a Xefatura Provincial de Tráfico e a Garda Civil, chegou este martes a Cambados. A xornada comezou coa entrega de chalecos reflectantes ás persoas asistentes e continuou cunha sesión informativa con consellos prácticos.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a xefatura provincial de Tráfico e a Garda Civil teñen en marcha unha campaña para previr atropelos de persoas maiores nas estradas da provincia. Este martes a iniciativa chegou a Cambados, onde un grupo de persoas asistiu a unha xornada formativa centrada na prevención.
O subdelegado do goberno explica a necesidade de impulsar campañas deste tipo na provincia, máis aínda atendendo aos datos de atropelos mortais rexistrados no que levamos de 2026. Neste tempo, faleceron sete peóns. Seis deles eran persoas maiores que camiñaban polas estradas.
Na comarca do Salnés rexistrouse a finais de marzo un deses atropelos mortais. Foi nunha estrada autonómica en Vilanova.
Abel Losada aproveitou para rexeitar o que cualificou de ‘demagoxia’ dalgúns partidos políticaos que -dixo- pretenden vincular a sinistralidade unicamente ás estradas nacionais. De feito, tres das vítimas perderon a vida en estradas autonómicas, dúas en vías da Deputación e unha nunha estrada estatal.











